mércores, 3 de maio de 2023

LINGUA E XÉNERO II - LECTURA MOURE

 


Nas últimas cinco décadas, feminismo e lingüística uníronse nun movemento para depurar a linguaxe e desenmascarar a súa aparente neutralidade. Este movemento foi liderado por feministas activistas que sacaron á luz o modo en que as estruturas gramaticais silenciaban o xénero feminino. Elas demostraron que as linguas non son inocentes e que se encargan de promover e perpetuar valores caducos. Isto é, a linguaxe é un medio de comunicación fundamental que empregamos todos os días para transmitir ideas e conceptos que dan forma á maneira en que vemos e entendemos o mundo. Así, a linguaxe ten o poder de influír na forma en que pensamos e actuamos, polo que era e segue a ser unha necesidade urxente a de renovar a linguaxe co obxectivo de promover valores igualitarios e evitar que a visión do mundo en masculino se impoña sobre as demais.

Despois das clases relativas a este tema, quedei reflexionando sobre a capacidade neutral da linguaxe. Tras pronunciar na miña mente “os viquingos, os romanos, os gregos”, visualicei deseguida imaxes de homes fortes coas características típicas que nos podemos imaxinar, mais en ningún momento pensei nunha muller. Seguindo esta mesma idea, todos os grandes descubrimentos son atribuídos ao “home”, cunha pretensión de incluír nesa palabra a todas as persoas, mais porque non “ser humano” ou “humanidade”, por exemplo? Como podemos observar nestes exemplos, o uso do masculino xenérico como unha forma supostamente neutral de referirse aos xéneros só serve para enmudecelos.

Neste senso, a linguaxe, lonxe de ser neutral, está profundamente influenciada por factores históricos e políticos. As feministas demostraron como o poder controla que aspectos da realidade deben ser nomeados e como. Así, a educación, particularmente, presentouse e preséntase resistente a estes cambios, mantendo esa idea dun suposto valor xenérico do masculino, mais esta idea é unha pura convención histórica que fai a vista gorda fronte á evidencia de que nos dicionarios podería usarse o feminino, ao que, ademais, correspondíalle a primeira aparición por orde alfabética. Todo isto reflíctese por exemplo na falta de representación das mulleres na historia, na que os seus logros foron relegados e atribuíronse todos os grandes descubrimentos aos homes.

Esta falta de representación non só é inxusta, senón que tamén ten un impacto real na vida das persoas, pois como observamos, o poder modifica a linguaxe e a linguaxe, a realidade. O feito de que as mulleres sexan constantemente invisibilizadas e marxinadas na linguaxe e na sociedade en xeral, dificúltalles a participación na vida pública e a toma de decisións. Isto ao mesmo tempo, pode contribuír a unha falta de autoestima e unha sensación de inferioridade que se transmite de xeración en xeración; o que na propia aula puidemos intuír. Falo da clase en que tivemos que poñernos de acordo para sobrevivir en caso de traballar para a NASA. Despois do desenvolvemento da tarefa, sobresaíu o feito de que todos os homes falaron activamente, fronte a dúas mulleres, e que os homes empregaron maioritariamente estruturas afirmativas (“eu puxen isto”), mentres que as mulleres foron moito máis dubitativas (“eu creo...”;”eu poría...”).

Esta última reflexión lévame a Robinson Tolmach Lakoff, quen sostén que o uso da linguaxe na sociedade e na comunicación cotiá é unha forma en que se perpetúan as relacións desiguais entre homes e mulleres. Lakoff decatouse xustamente de que as mulleres son máis propensas a, entre outras características, facer preguntas e a empregar palabras e frases que minimizan o seu propio poder e autoridade (como "quizais"), mentres que os homes adoitan empregar unha linguaxe directa e asertiva; o que coloca as mulleres nunha posición subordinada na comunicación.

En definitiva, partindo de que a linguaxe inflúe sobre a realidade, paréceme esencial combater a discriminación lingüística e promover unha linguaxe inclusiva que recoñeza e respecte a diversidade de xénero. Neste senso, quero rematar mencionando o láadan, unha lingua artificial creada por Suzette Haden Elgin, que é unha ferramenta moi valiosa para cuestionar os roles de xénero e os estereotipos presentes na linguaxe que utilizamos na nosa vida cotiá.

martes, 2 de maio de 2023

REINTEGRACIONISMO LINGÜÍSTICO

 


A lingua é a pegada máis profunda que deixa unha cultura no tempo, é a esencia da súa identidade e a expresión do seu pensamento. No caso de Galicia, o galego é a lingua propia que foi obxecto de múltiples desafíos ao longo da súa historia. Na actualidade, o proceso de substitución lingüística en favor do castelán levou á perda progresiva de falantes e a unha situación de fraxilidade para a supervivencia do galego. Ante esta realidade, xorde unha corrente coñecida como “reintegracionismo”, que busca fomentar a introdución do galego no ámbito lingüístico do portugués. Por unha banda, isto suporía o achegamento ás nosas orixes e o afastamento do marco castelán e por outra, o feito de que a lingua portuguesa sexa recoñecida internacionalmente e teña unha maior presenza nos medios de comunicación e na cultura popular, pode ser unha oportunidade para o galego de aumentar o seu prestixio e visibilidade.

Valentim Fagim, na súa obra O galego (im)possível, ofrece unha visión alternativa á estratexia dominante para o galego, na que se identifica como “imposible” aquel galego que defende unha lingua illada das sociedades portuguesas e conectada necesariamente ao mundo en castelán, lingua que está a substituír o galego. Segundo o autor, esta estratexia non só limita o desenvolvemento e a proxección da lingua galega, senón que tamén a mantén nese sometemento ao proceso de substitución lingüística. Desta maneira, para o reintegracionismo, a estratexia promovida polo ILG-RAG non é o mellor modelo para Galicia, pois limita a lingua e afástaa do seu pasado. Isto é, como mencionamos na entrada anterior, a influencia do castelán sobre o galego faise cada día máis notable, pois estamos a experimentar como a lingua perde de maneira sistemática palabras e expresións que lle son propias e aínda máis, a súa propia visión do mundo e da realidade.

Se retrocedemos no tempo, observamos que a separación das variedades lingüísticas galega e portuguesa produciuse de forma artificial debido a procesos históricos e políticos. Así, a busca de unidade destas dúas linguas actuais baséase en que ambas as dúas orixináronse a partir dun tronco común: o galego-portugués medieval, e comparten aínda na actualidade unha gran cantidade de trazos lingüísticos e culturais. Neste senso, cabe destacar que non hai unha clara delimitación entre o galego e o portugués, senón que existe unha gradación ou continuidade entre as diferentes variedades de ambas as linguas, pois pertencen ao mesmo “continuum lingüístico”. Así, “as linguas por elaboração, como é a nossa, não são compartimentos estanque a respeito das linguas circundantes. Existe una graduação similar á das cores ou á das temperaturas” (O galego (im)possível). Isto apoia que ambas as dúas linguas sexan moito máis parecidas do que se adoita pensar actualmente. Soamente necesitamos unha certa presenza do portugués nas nosas vidas, para adaptar os nosos oídos, e o resto viría dado.

Entón, vemos como o desenvolvemento das linguas pode ser fortemente influenciado por factores políticos e históricos. Neste caso, supuxeron a separación do galego e o portugués, e no pasado máis recente e na actualidade, están a significar unha castelanización do galego. Neste senso, a proposta do reintegracionismo pretende recuperar a súa historia e identidade, o que ao mesmo tempo suporía marcar unha distancia formal entre o galego e o castelán (aquilo que se espera entre dúas linguas diferentes) e, como mencionamos ao comezo, implicaría tamén abrir unha porta ao mundo, xa que o portugués é unha lingua falada en distintos continentes.

Agora ben, o achegamento ao portugués en termos de identidade e prestixio lingüístico pode xerar ao mesmo tempo certos riscos e desafíos. O portugués é unha lingua moi valorada e recoñecida internacionalmente, coma o castelán. Isto, xunto coa proximidade do galego con esta lingua, fan moi sinxela a posibilidade de que o galego pase a ser considerado outra vez como unha variante ou dialecto, e por tanto, volvería á condición de inferioridade na que se atopa na actualidade.

Esta idea levoume a preguntarme se o proceso de achegamento ao portugués pode non ter que implicar necesariamente unha reforma ortográfica do galego. Poderíase promover unha depuración de castelanismos no galego, fomentar a presenza da lingua portuguesa no ámbito cultural e educativo de Galicia e, en xeral, unha constante ollada cara o portugués en lugar do castelán (por exemplo á hora de adquirir novo léxico). Isto ao mesmo tempo, podería axudar a diminuír a resistencia da poboación que non sente a ortografía portuguesa como propia.

En definitiva, penso que o reintegracionismo pode ser unha estratexia interesante para salvar o galego da situación na que se atopa, mais este cambio non pode ser instantáneo, xa que aínda non é unha corrente maioritaria. 

luns, 1 de maio de 2023

PLANIFICACIÓN LINGÜÍSTICA

 


A planificación lingüística é un proceso que implica a toma de decisións conscientes e deliberadas sobre o uso e a promoción dunha lingua ou varias linguas nun determinado territorio ou comunidade. Este tipo de planificación parte da pretensión de transformar a realidade, de maneira que, tras ter reflexionado sobre cuestións teóricas, agora nos centraremos na súa aplicabilidade na práctica. 

Na actualidade, a influencia do castelán sobre o galego faise cada día máis notable. Estamos a experimentar como a lingua perde de maneira sistemática palabras e expresións que lle son propias, cedendo o seu oco a outras procedentes ou máis próximas ao castelán; é o caso do termo “presuposto” en lugar do orixinal “orzamento”, que cada vez coñecen menos persoas. Mais se isto xa parece alarmante, debemos ter en conta que esta substitución non se presenta soamente no plano léxico, senón que tamén afecta o plano gramatical, como por exemplo, a progresiva desaparición do futuro de subxuntivo. Deste xeito, se aplicamos os coñecementos adquiridos ao longo do curso, podemos observar que o galego está a perder a súa cosmovisión propia, someténdose á do castelán. 

J.C. Moreno Cabrera explica na súa obra “la dignidad e igualdad de las lenguas” que todas as linguas humanas coñecidas, pasadas e presentes teñen un grao similar de desenvolvemento. Para demostralo, analiza unha longa listaxe de prexuízos que desmonta un a un. Entre eles, gustaríame resaltar hoxe a idea de que “(17) existen linguas útiles e inútiles”. Desde o meu punto de vista, esta perspectiva das linguas é moi daniña e encabeza un dos motivos máis prexudiciais con respecto as linguas minorizadas. Así, se unha lingua non se considera útil pola poboación, esta deixará de empregala para someterse á lingua dominante, que si se considera útil e ademais, prestixiosa. 

Neste senso, a miña liña planificadora irá ligada á necesidade dunha variedade culta, considerada xeralmente, como a forma máis adecuada e elegante de expresarse nos ámbitos da educación, a cultura, a literatura e a comunicación formal. Así, a variedade culta non debe ser vista como superior a outras variedades da lingua, senón como unha ferramenta importante para a comunicación formal e a difusión da lingua en ámbitos de prestixio.

Tendo isto en conta, o obxectivo que me propoño para planificar o galego hoxe é unha tentativa de fortalecer unha lingua dominada, nun primeiro intre, nun plano máis institucional ou normativo. Por iso, asegurar o uso legal do galego; escribir ensaios científicos, técnicos ou estéticos e demostrar a súa utilidade internacional parécenme tres medidas chave para esta cuestión. 

Estamos a falar de áreas que adoitan asociarse coa excelencia, a innovación e o progreso nunha sociedade. Isto implicaría a promoción da formación en galego nas universidades e centros de investigación, así como o apoio á publicación de obras en galego en diferentes áreas do coñecemento. Certamente, toda lingua forte (como o inglés, o portugués, o castelán..., entre outras) é utilizada na administración, a xustiza, o ensino e outros ámbitos públicos, ademais de contar con materiais científicos nesa lingua. Así, conseguiríamos identificar o galego cunha lingua capaz de expresar ideas complexas e sofisticadas, o que á súa vez reforzaría o seu prestixio e valoración.

Así mesmo, nun mundo cada vez máis globalizado, o valor dunha lingua estase a medir non só polo seu uso nun territorio determinado, senón tamén pola súa capacidade para comunicarse con falantes doutros lugares do mundo. Se unha lingua ten a capacidade de conectarse con outras comunidades lingüísticas e de comunicar ideas e valores nun contexto internacional, reforzaríase o seu recoñecemento e prestixio. Para acompañar esta medida podería ser beneficioso igualmente a promoción do uso do galego no turismo e as relacións comerciais e establecendo programas de intercambio lingüístico con outros países.

Agora ben, as imposicións non sempre resultan como un espera, por iso creo que a seguinte parte da miña planificación debe basearse en aspectos máis sociais e normalizadores como provocar que @s falantes reflexionen sobre a súa identidade e ligar a lingua con espazos da vida actual (deportivos, lecer, campismo, redes sociais...). 

Noutras palabras, as persoas deben querer empregar o galego e pola situación na que se atopa actualmente, sentir que a súa conservación é necesaria e beneficiosa. Se os falantes se senten máis conectados á súa lingua, estarán máis motivados para usala e protexela. Ademais, se se fomenta a presenza da lingua en diferentes ámbitos da vida cotiá, auméntase a súa valoración e a súa percepción como unha lingua útil e relevante. Concretamente, se se promove a utilización do galego no deporte ou nas redes sociais, asociaríase con ámbitos modernos e relevantes na sociedade actual, o que pode aumentar o seu uso e a súa presenza en diferentes contextos.

En definitiva, crear unha conexión emocional e persoal entre a lingua e os seus falantes é un factor para moitos prescindible, pero para min, faría que o uso desa lingua fose imparable. Pois, se as persoas valoran e conectan coa súa lingua e ademais percíbena como útil e prestixiosa, que os podería deter?


domingo, 30 de abril de 2023

ORTOGRAFÍA FONÉTICA

 


O texto de Mosterín J. fíxome pensar nun apartado do libro de García Fagím no que expón que unha convención non é sempre unha conveniencia. É dicir, convención deriva de convir, e esta deriva á súa vez de conveniencia, mais, “será que as ortografias imperantes são sempre convenientes? A quem convêm realmente?”

Ambos os dous termos non sempre camiñan da man, pois detrás de cada escolla gráfica existe unha historia, unas categorías e uns proxectos sociais. “Nada é por acaso. A ortografia é mais do que um instrumento comunicativo. É tambén um instrumento cultural, político, social, económico, de poder, um categorizador que aúna coletivos… ou os separa!” 

Neste senso, a ortografía, como ben falamos na clase, non é perfecta, pois conta con numerosas excepcións e erros que as persoas que a aprenden teñen que gravar na súa memoria ou do contrario, serán sancionados pola súa inadecuación á norma. Con todo, desde o poder estableceuse unha normativa e haina que obedecer. Isto confirma o carácter submiso do ser humano, que  acepta regras arbitrarias sen lóxica algunha polo feito de ser unha “orde” (por exemplo, o uso de b e v). 

Implantar esta reforma, achegaría a ortografía a todas as persoas o que conduciría á eliminación de desigualdades neste ámbito. Así, sería moito máis sinxela de adquirir e de empregar e as persoas sentiríanse máis cómodas con ela. Ademais, isto permitiríanos aplicar o tempo que perdemos aprendendo as regras ortográficas a outros aspectos máis relevantes, o que supón unha gran vantaxe para nós. Desta maneira, as desviacións do carácter fonémico da ortografía parece levarnos cara un proceso absurdo que soamente desfavorece a comunicación. 

Con todo, a posibilidade de implantar unha ortografía fonética é un tema moito máis complexo e controvertido do que parece a primeira vista. En primeiro lugar, suporía un custo económico importante, e como xa falamos noutro momento, as linguas non son a principal preocupación dos políticos na actualidade. Este custo económico iría acompañado dun custo cultural, que podería ocasionar insatisfacción na poboación, o que tampouco están dispostos a arriscar as entidades de poder. 

Así mesmo, a ortografía tradicional do español, a pesar de ser complexa e ter moitas irregularidades, conserva información etimolóxica. A ortografía tradicional, ao preservar as formas antigas das palabras e as súas raíces etimolóxicas, permítenos coñecer mellor a historia da lingua e a súa relación con outras linguas. A perda de información etimolóxica implicaría entón, a desaparición de moitos rastros lingüísticos e culturais que nos axudan a entender a evolución do español e a súa relación con outras linguas.

Finalmente, aínda que as razóns anteriores non sexan de todo convincentes, xorde a problemática máis destacada que saíu na clase: que variedade debería escollerse para establecer a nova ortografía española? Xa en España existen numerosas formas de fala distintas, mais debemos ter en conta que o español estende as súas fronteiras máis aló deste país. Cada variedade do español ten as súas propias particularidades fonéticas e ortográficas, así como históricas e culturais, e cada unha representa unha parte importante da riqueza e diversidade da lingua española. Deste xeito, a nova ortografía debería unificar todas estas variantes para evitar calquera forma de discriminación lingüística ou exclusión cultural. Mais isto é posible?


sábado, 15 de abril de 2023

DUDL

A Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (DUDL) é un documento fundamental que recoñece e protexe a diversidade lingüística e cultural en todo o mundo. Con todo, a pesar da relevancia desta declaración, é importante reflexionar sobre a implementación real destes dereitos e os desafíos que enfrontamos para lograr unha sociedade máis xusta e inclusiva.

Un dos principais desafíos para a implementación dos dereitos lingüísticos é a falta de recoñecemento e valoración da diversidade lingüística e cultural na sociedade. A miúdo, a lingua minoritaria é considerada como un obstáculo para a comunicación e a integración, en lugar de ser valorada como unha parte esencial da identidade e a cultura dunha comunidade. Isto é, a diversidade lingüística vese como unha barreira para a comunicación e a integración, mais como di a propia declaración da que estamos a falar, esta idea é un mito falso. Pola contra, a diversidade lingüística enriquece e fortalece a sociedade, pois favorece unha sociedade xusta, igualitaria e plural.

Se unha lingua minoritaria non é valorada pola sociedade, é pouco probable que se destinen recursos para a súa promoción e ensino, o que pode levar á perda gradual da lingua e a cultura asociada e, nos peores dos casos, á implementación de políticas e medidas que tenten substituíla pola lingua maioritaria, o que tería, sen dúbida, un impacto negativo na identidade e na cultura da comunidade que fala esa lingua. Digo isto porque, como tamén expón a DUDL, cada lingua nos proporciona unha das múltiples formas de entender o mundo, de xeito que estaríamos arrebatando a maneira de vida e de ver a realidade dunha sociedade, o que á súa vez, eliminaría un principio básico de todos os pobos e todas as linguas. 

Ademais, a falta de recursos e a discriminación lingüística tamén poden obstaculizar a implementación dos dereitos lingüísticos. En moitos casos, as comunidades lingüísticas minoritarias non teñen acceso a servizos e recursos na súa lingua materna, o que pode limitar a súa capacidade de participar plenamente na sociedade. Do mesmo xeito, a discriminación pode manifestarse tamén a través da imposición da lingua maioritaria, o que pode perpetuar desigualdades e reforzar a marxinación das comunidades lingüísticas minoritarias, que terminan sendo consideradas como inferiores simplemente pola lingua que empregan ao comunicarse.

Tendo isto en conta, para garantir que todas as persoas teñan acceso a servizos e recursos na súa lingua materna, así como a valoración e protección das comunidades e da diversidade lingüística cultura é preciso promover esta declaración mediante medidas adoptadas dende o poder. Non obstante, aquí atopamos outra problemática, pois en moitos casos, os gobernos e as institucións non están dispostos a implementar os dereitos lingüísticos, xa sexa porque non os consideran prioritarios, porque temen que a súa aplicación poida xerar tensións e conflitos ou porque a súa implementación require un investimento significativo en recursos humanos e materiais. 

Para pechar este escrito, gustaríame falar doutra problemática que se nos pode presentar: a oposición entre territorio e individuo. Isto é, as persoas temos o dereito de elixir a lingua na que nos comunicamos, podendo non ser a mesma que se fala no noso territorio. Por unha banda, a defensa do territorio pode levar a situacións nas que as necesidades individuais non son satisfeitas debido á imposición da lingua do territorio. Mais doutra banda, a defensa do individuo pode levar á fragmentación do territorio e á perda da lingua que o caracteriza.

Esta problemática é común en contextos nos que existen linguas minoritarias e nos que se pretende protexer e promover o seu uso. A protección da lingua pode levar a unha maior cohesión social no territorio, xa que a lingua é unha parte fundamental da identidade e a cultura da comunidade que a fala. Con todo, a súa protección non debe levar á exclusión doutras linguas e ao prexuízo das necesidades individuais.

Neste senso, é importante atopar un equilibrio entre a defensa do territorio e a defensa do individuo. Así, dende o meu punto de vista, volvemos á importancia de tomar medidas dende o poder que aseguren a protección da lingua minoritaria, pero ao mesmo tempo, é esencial que estas medidas promovan o seu uso e a súa valoración como o que é, unha riqueza inestimable, para que, desta maneira, o individuo elixa a lingua do seu territorio porque o quere.

En definitiva, aínda que a DUDL establece principios esenciais, non ten capacidade legal para obrigar aos estados a cumprir con eles. Deste xeito, esta declaración depende en gran medida, como dixemos, da vontade política dos estados e da sociedade en xeral para ser efectiva. Neste senso, quero lembrar o xa dito en antigas composicións sobre o dilema do prisioneiro: é necesaria a actuación conxunta para acadar un ben maior. 



Home sabio, nas miñas mans, que están escondidas ás miñas costas, teño un paxaro. Respóndeme, está vivo ou morto?

Aquel sabio, de forma inesperada, tivo medo. El sabía que fora cal fora a súa resposta, o rei podía matar o paxaro. Mirou ao rei, e estivo un longo intre en silencio. Ao final, respondeu con voz moi serena: 

–A resposta, Maxestade, está nas vosas mans.

A resposta está nas nosas mans.

Prólogo da DUDL por Carles Torner Pifarré


xoves, 13 de abril de 2023

LINGUA E IDADE


Todos os anos por estas datas aproximadamente noto un cambio notable no comportamento dunha persoa do meu entorno. Tiveron que pasar varios meses de abril para que me decatase do que lle acontecía, xa que de primeiras, non se me ocorrera. Nestas datas acércase o seu aniversario e para ela, este día non é como para os demais. Sente pánico por envellecer e isto ocorre a miúdo.

Mais, eu me pregunto, cando envellecer comezou a ser algo negativo? En efecto, a vellez experimentou cambios significativos na súa percepción social ao longo do tempo. No pasado, asociábase coa sabedoría, a experiencia e o respecto. Con todo, o inicio da época industrial e as melloras médicas conseguiron unha gran mellora no nivel de vida da poboación e supuxeron diversas transformacións do significado e función da idade na sociedade. A partir deste momento a sociedade comeza a valorarse en termos de produtividade e eficiencia, e as persoas máis preparadas para as tarefas non eran as máis maiores.

Na actualidade observamos numerosas controversias arredor da idade que, en moitos casos, levan a fobias inxustificadas e a recorrer á linguaxe de odio para falar de determinados sectores da sociedade. Xa o feito de falar de sectores da sociedade implica unha clara idea de división entre as persoas; de establecer unha liña que suxire non somos iguais. 

Hoxe, non é raro escoitar frases como "xa estás vello para facer iso", "es moi maior para entendelo", aínda que non se digan con intención negativa.  De feito, en moitas ocasións dinse entre adolescentes. Isto lévame a pensar que, como falamos na entrada de linguaxe de odio, o feito de empregar esas expresión implica que a vellez ten unha connotación negativa e que non se quere chegar a ela. 

 A vellez converteuse hoxe nunha carga para a sociedade, identificándose coa  falta de produtividade, a dependencia, a enfermidade e a perda da beleza, a forza física, a vitalidade e a capacidade cognitiva, o que impediría a posibilidade das persoas de adaptarse as novas tecnoloxías, por exemplo. Estas percepcións negativas sobre a vellez non só son inxustas, senón que tamén son prexudiciais para toda a sociedade no seu conxunto. 

Os prexuízos de edadismo limitan as oportunidades das persoas maiores na sociedade, o que dá lugar a desigualdades e exclusións baseadas en ideas que, en realidade, son falsas. Demostrado está que moitas avoas e avós, incluíndo á miña avoa, foron capaces de adaptarse aos novos tempos, tendo móbiles, usando Whatsapp, ou mesmo instagram como foi o caso da miña.

Neste senso, pareceume moi interesante decatarme nestas clases de que, ao igual que descubrimos que podemos performar o xénero, con este tema pasa o mesmo. Nin todas as persoas maiores padecen enfermidades, son incapaces de pensar loxicamente, ou deixaron de traballar para dedicar todo o seu tempo ao ocio, nin eu e moitas persoas “xoves” empregamos moitas palabras consideradas “xuvenís” ou saimos de festa e nos emborrachamos todas as noites. Deste xeito, podemos dicir que a idade é coma o xénero? Para responder esta pregunta empregarei unha frase sacada do capítulo 3 que me pareceu extremadamente interesante, real e mesmo bonita: é preciso “aceptar a anciá que hai en min e á moza que hai na miña avoa”. 

Doutra banda, gustaríame tamén sinalar que esta exclusión das persoas maiores do máximo valor da sociedade non é a única. Co tempo, a mocidade converteuse nunha etapa da vida na que se espera explorar, experimentar e desenvolver a identidade persoal. Actualmente, a isto engadimos que a sociedade valora a mocidade pola súa capacidade de innovación, creatividade e adaptación ás novas tecnoloxías. Espérase que os mozos sexan capaces de cambiar o mundo e contribuír ao progreso social e económico, mais ao mesmo tempo, é habitual non tomalos en serio. Asúmese que os mozos son irresponsables, egoístas, superficiais e obsesionados coa tecnoloxía e a miúdo pénsase que os mozos non lograron nada significativo nas súas vidas e que aínda non teñen a experiencia necesaria para facelo. 

Deste xeito, hai unha forte tendencia a considerar ás persoas de mediana idade como o grupo máis valioso e envexable e o que se saia de aí, é insignificante e por extensión, negativo. Así, desde o meu punto de vista, se loitamos para eliminar a discriminación de xénero, a discriminación racial, a discriminación por ter algunha discapacidade..., tamén debemos combater a discriminación por idade. 


martes, 21 de marzo de 2023

COMUNICACIÓN INTERNACIONAL

 


A comunicación e o entendemento son valores fundamentais na sociedade, especialmente no mundo actual, onde a interacción entre persoas de diferentes países e culturas é cada vez máis común. Neste contexto, as Linguas Internacionais Auxiliares (LIAs), isto é, linguas que sirven de axuda para a comunicación entre persoas de distintos países e culturas, parecen ser unha opción desexable para lograr unha comunicación máis efectiva e mellorar o entendemento mutuo.

Con todo, ao falar de linguas internacionais debemos diferenciar a pretensión de establecer unha lingua nacional como internacional, da aspiración a crear unha lingua artificial internacional. Unha lingua internacional debería ser, simple, regular, lóxica, rica e dotada de posibilidades creativas e, tal e como explica Sapir, isto non se atopa nas linguas nacionais. Estas son complexas, pois levan consigo diferentes factores históricos e psicolóxicos que só se eliminarían se a lingua desaparecese. Ademais, as linguas nacionais, como xa falamos en clase, contan cunha cosmovisión propia do mundo. Deste xeito, se se elixe unha lingua asociada a unha cultura ou país en particular, o máis seguro é que se xere resentimento e rexeitamento por parte doutras culturas e países que non se identifican coa mesma.

Entón, de ter que elixir unha lingua para comunicarnos entre todos, non sería unha lingua nacional, senón unha lingua artificial que recollese elementos das linguas nacionais. Neste senso, como saíu no debate, as LIAs deben ser inclusivas e non excluíntes. Deben estar deseñadas para servir a todos, independentemente da súa orixe cultural ou lingüística, e deben ser accesibles e fáciles de aprender para que poidan cumprir a súa función de facilitar o entendemento entre as persoas. Por isto, a mellor solución sería que lingüistas de diferentes países e culturas se reunisen co propósito de crear unha nova lingua dende cero e sen atender a aspectos políticos e de poder. 

En definitiva, as LIAs son unha opción desexable para mellorar a comunicación e o entendemento mutuo nun mundo cada vez máis interconectado, mais a promoción dunha lingua internacional auxiliar debe facer fincapé na última palabra, é dicir, non se trata de esperar que as LIAs substitúan ás linguas nacionais, senón que estas deben complementalas e axudar a superar as barreiras lingüísticas que dificultan a comunicación.


LINGUA E XÉNERO II - LECTURA MOURE

  Nas últimas cinco décadas, feminismo e lingüística uníronse nun movemento para depurar a linguaxe e desenmascarar a súa aparente neutralid...