mércores, 3 de maio de 2023

LINGUA E XÉNERO II - LECTURA MOURE

 


Nas últimas cinco décadas, feminismo e lingüística uníronse nun movemento para depurar a linguaxe e desenmascarar a súa aparente neutralidade. Este movemento foi liderado por feministas activistas que sacaron á luz o modo en que as estruturas gramaticais silenciaban o xénero feminino. Elas demostraron que as linguas non son inocentes e que se encargan de promover e perpetuar valores caducos. Isto é, a linguaxe é un medio de comunicación fundamental que empregamos todos os días para transmitir ideas e conceptos que dan forma á maneira en que vemos e entendemos o mundo. Así, a linguaxe ten o poder de influír na forma en que pensamos e actuamos, polo que era e segue a ser unha necesidade urxente a de renovar a linguaxe co obxectivo de promover valores igualitarios e evitar que a visión do mundo en masculino se impoña sobre as demais.

Despois das clases relativas a este tema, quedei reflexionando sobre a capacidade neutral da linguaxe. Tras pronunciar na miña mente “os viquingos, os romanos, os gregos”, visualicei deseguida imaxes de homes fortes coas características típicas que nos podemos imaxinar, mais en ningún momento pensei nunha muller. Seguindo esta mesma idea, todos os grandes descubrimentos son atribuídos ao “home”, cunha pretensión de incluír nesa palabra a todas as persoas, mais porque non “ser humano” ou “humanidade”, por exemplo? Como podemos observar nestes exemplos, o uso do masculino xenérico como unha forma supostamente neutral de referirse aos xéneros só serve para enmudecelos.

Neste senso, a linguaxe, lonxe de ser neutral, está profundamente influenciada por factores históricos e políticos. As feministas demostraron como o poder controla que aspectos da realidade deben ser nomeados e como. Así, a educación, particularmente, presentouse e preséntase resistente a estes cambios, mantendo esa idea dun suposto valor xenérico do masculino, mais esta idea é unha pura convención histórica que fai a vista gorda fronte á evidencia de que nos dicionarios podería usarse o feminino, ao que, ademais, correspondíalle a primeira aparición por orde alfabética. Todo isto reflíctese por exemplo na falta de representación das mulleres na historia, na que os seus logros foron relegados e atribuíronse todos os grandes descubrimentos aos homes.

Esta falta de representación non só é inxusta, senón que tamén ten un impacto real na vida das persoas, pois como observamos, o poder modifica a linguaxe e a linguaxe, a realidade. O feito de que as mulleres sexan constantemente invisibilizadas e marxinadas na linguaxe e na sociedade en xeral, dificúltalles a participación na vida pública e a toma de decisións. Isto ao mesmo tempo, pode contribuír a unha falta de autoestima e unha sensación de inferioridade que se transmite de xeración en xeración; o que na propia aula puidemos intuír. Falo da clase en que tivemos que poñernos de acordo para sobrevivir en caso de traballar para a NASA. Despois do desenvolvemento da tarefa, sobresaíu o feito de que todos os homes falaron activamente, fronte a dúas mulleres, e que os homes empregaron maioritariamente estruturas afirmativas (“eu puxen isto”), mentres que as mulleres foron moito máis dubitativas (“eu creo...”;”eu poría...”).

Esta última reflexión lévame a Robinson Tolmach Lakoff, quen sostén que o uso da linguaxe na sociedade e na comunicación cotiá é unha forma en que se perpetúan as relacións desiguais entre homes e mulleres. Lakoff decatouse xustamente de que as mulleres son máis propensas a, entre outras características, facer preguntas e a empregar palabras e frases que minimizan o seu propio poder e autoridade (como "quizais"), mentres que os homes adoitan empregar unha linguaxe directa e asertiva; o que coloca as mulleres nunha posición subordinada na comunicación.

En definitiva, partindo de que a linguaxe inflúe sobre a realidade, paréceme esencial combater a discriminación lingüística e promover unha linguaxe inclusiva que recoñeza e respecte a diversidade de xénero. Neste senso, quero rematar mencionando o láadan, unha lingua artificial creada por Suzette Haden Elgin, que é unha ferramenta moi valiosa para cuestionar os roles de xénero e os estereotipos presentes na linguaxe que utilizamos na nosa vida cotiá.

martes, 2 de maio de 2023

REINTEGRACIONISMO LINGÜÍSTICO

 


A lingua é a pegada máis profunda que deixa unha cultura no tempo, é a esencia da súa identidade e a expresión do seu pensamento. No caso de Galicia, o galego é a lingua propia que foi obxecto de múltiples desafíos ao longo da súa historia. Na actualidade, o proceso de substitución lingüística en favor do castelán levou á perda progresiva de falantes e a unha situación de fraxilidade para a supervivencia do galego. Ante esta realidade, xorde unha corrente coñecida como “reintegracionismo”, que busca fomentar a introdución do galego no ámbito lingüístico do portugués. Por unha banda, isto suporía o achegamento ás nosas orixes e o afastamento do marco castelán e por outra, o feito de que a lingua portuguesa sexa recoñecida internacionalmente e teña unha maior presenza nos medios de comunicación e na cultura popular, pode ser unha oportunidade para o galego de aumentar o seu prestixio e visibilidade.

Valentim Fagim, na súa obra O galego (im)possível, ofrece unha visión alternativa á estratexia dominante para o galego, na que se identifica como “imposible” aquel galego que defende unha lingua illada das sociedades portuguesas e conectada necesariamente ao mundo en castelán, lingua que está a substituír o galego. Segundo o autor, esta estratexia non só limita o desenvolvemento e a proxección da lingua galega, senón que tamén a mantén nese sometemento ao proceso de substitución lingüística. Desta maneira, para o reintegracionismo, a estratexia promovida polo ILG-RAG non é o mellor modelo para Galicia, pois limita a lingua e afástaa do seu pasado. Isto é, como mencionamos na entrada anterior, a influencia do castelán sobre o galego faise cada día máis notable, pois estamos a experimentar como a lingua perde de maneira sistemática palabras e expresións que lle son propias e aínda máis, a súa propia visión do mundo e da realidade.

Se retrocedemos no tempo, observamos que a separación das variedades lingüísticas galega e portuguesa produciuse de forma artificial debido a procesos históricos e políticos. Así, a busca de unidade destas dúas linguas actuais baséase en que ambas as dúas orixináronse a partir dun tronco común: o galego-portugués medieval, e comparten aínda na actualidade unha gran cantidade de trazos lingüísticos e culturais. Neste senso, cabe destacar que non hai unha clara delimitación entre o galego e o portugués, senón que existe unha gradación ou continuidade entre as diferentes variedades de ambas as linguas, pois pertencen ao mesmo “continuum lingüístico”. Así, “as linguas por elaboração, como é a nossa, não são compartimentos estanque a respeito das linguas circundantes. Existe una graduação similar á das cores ou á das temperaturas” (O galego (im)possível). Isto apoia que ambas as dúas linguas sexan moito máis parecidas do que se adoita pensar actualmente. Soamente necesitamos unha certa presenza do portugués nas nosas vidas, para adaptar os nosos oídos, e o resto viría dado.

Entón, vemos como o desenvolvemento das linguas pode ser fortemente influenciado por factores políticos e históricos. Neste caso, supuxeron a separación do galego e o portugués, e no pasado máis recente e na actualidade, están a significar unha castelanización do galego. Neste senso, a proposta do reintegracionismo pretende recuperar a súa historia e identidade, o que ao mesmo tempo suporía marcar unha distancia formal entre o galego e o castelán (aquilo que se espera entre dúas linguas diferentes) e, como mencionamos ao comezo, implicaría tamén abrir unha porta ao mundo, xa que o portugués é unha lingua falada en distintos continentes.

Agora ben, o achegamento ao portugués en termos de identidade e prestixio lingüístico pode xerar ao mesmo tempo certos riscos e desafíos. O portugués é unha lingua moi valorada e recoñecida internacionalmente, coma o castelán. Isto, xunto coa proximidade do galego con esta lingua, fan moi sinxela a posibilidade de que o galego pase a ser considerado outra vez como unha variante ou dialecto, e por tanto, volvería á condición de inferioridade na que se atopa na actualidade.

Esta idea levoume a preguntarme se o proceso de achegamento ao portugués pode non ter que implicar necesariamente unha reforma ortográfica do galego. Poderíase promover unha depuración de castelanismos no galego, fomentar a presenza da lingua portuguesa no ámbito cultural e educativo de Galicia e, en xeral, unha constante ollada cara o portugués en lugar do castelán (por exemplo á hora de adquirir novo léxico). Isto ao mesmo tempo, podería axudar a diminuír a resistencia da poboación que non sente a ortografía portuguesa como propia.

En definitiva, penso que o reintegracionismo pode ser unha estratexia interesante para salvar o galego da situación na que se atopa, mais este cambio non pode ser instantáneo, xa que aínda non é unha corrente maioritaria. 

luns, 1 de maio de 2023

PLANIFICACIÓN LINGÜÍSTICA

 


A planificación lingüística é un proceso que implica a toma de decisións conscientes e deliberadas sobre o uso e a promoción dunha lingua ou varias linguas nun determinado territorio ou comunidade. Este tipo de planificación parte da pretensión de transformar a realidade, de maneira que, tras ter reflexionado sobre cuestións teóricas, agora nos centraremos na súa aplicabilidade na práctica. 

Na actualidade, a influencia do castelán sobre o galego faise cada día máis notable. Estamos a experimentar como a lingua perde de maneira sistemática palabras e expresións que lle son propias, cedendo o seu oco a outras procedentes ou máis próximas ao castelán; é o caso do termo “presuposto” en lugar do orixinal “orzamento”, que cada vez coñecen menos persoas. Mais se isto xa parece alarmante, debemos ter en conta que esta substitución non se presenta soamente no plano léxico, senón que tamén afecta o plano gramatical, como por exemplo, a progresiva desaparición do futuro de subxuntivo. Deste xeito, se aplicamos os coñecementos adquiridos ao longo do curso, podemos observar que o galego está a perder a súa cosmovisión propia, someténdose á do castelán. 

J.C. Moreno Cabrera explica na súa obra “la dignidad e igualdad de las lenguas” que todas as linguas humanas coñecidas, pasadas e presentes teñen un grao similar de desenvolvemento. Para demostralo, analiza unha longa listaxe de prexuízos que desmonta un a un. Entre eles, gustaríame resaltar hoxe a idea de que “(17) existen linguas útiles e inútiles”. Desde o meu punto de vista, esta perspectiva das linguas é moi daniña e encabeza un dos motivos máis prexudiciais con respecto as linguas minorizadas. Así, se unha lingua non se considera útil pola poboación, esta deixará de empregala para someterse á lingua dominante, que si se considera útil e ademais, prestixiosa. 

Neste senso, a miña liña planificadora irá ligada á necesidade dunha variedade culta, considerada xeralmente, como a forma máis adecuada e elegante de expresarse nos ámbitos da educación, a cultura, a literatura e a comunicación formal. Así, a variedade culta non debe ser vista como superior a outras variedades da lingua, senón como unha ferramenta importante para a comunicación formal e a difusión da lingua en ámbitos de prestixio.

Tendo isto en conta, o obxectivo que me propoño para planificar o galego hoxe é unha tentativa de fortalecer unha lingua dominada, nun primeiro intre, nun plano máis institucional ou normativo. Por iso, asegurar o uso legal do galego; escribir ensaios científicos, técnicos ou estéticos e demostrar a súa utilidade internacional parécenme tres medidas chave para esta cuestión. 

Estamos a falar de áreas que adoitan asociarse coa excelencia, a innovación e o progreso nunha sociedade. Isto implicaría a promoción da formación en galego nas universidades e centros de investigación, así como o apoio á publicación de obras en galego en diferentes áreas do coñecemento. Certamente, toda lingua forte (como o inglés, o portugués, o castelán..., entre outras) é utilizada na administración, a xustiza, o ensino e outros ámbitos públicos, ademais de contar con materiais científicos nesa lingua. Así, conseguiríamos identificar o galego cunha lingua capaz de expresar ideas complexas e sofisticadas, o que á súa vez reforzaría o seu prestixio e valoración.

Así mesmo, nun mundo cada vez máis globalizado, o valor dunha lingua estase a medir non só polo seu uso nun territorio determinado, senón tamén pola súa capacidade para comunicarse con falantes doutros lugares do mundo. Se unha lingua ten a capacidade de conectarse con outras comunidades lingüísticas e de comunicar ideas e valores nun contexto internacional, reforzaríase o seu recoñecemento e prestixio. Para acompañar esta medida podería ser beneficioso igualmente a promoción do uso do galego no turismo e as relacións comerciais e establecendo programas de intercambio lingüístico con outros países.

Agora ben, as imposicións non sempre resultan como un espera, por iso creo que a seguinte parte da miña planificación debe basearse en aspectos máis sociais e normalizadores como provocar que @s falantes reflexionen sobre a súa identidade e ligar a lingua con espazos da vida actual (deportivos, lecer, campismo, redes sociais...). 

Noutras palabras, as persoas deben querer empregar o galego e pola situación na que se atopa actualmente, sentir que a súa conservación é necesaria e beneficiosa. Se os falantes se senten máis conectados á súa lingua, estarán máis motivados para usala e protexela. Ademais, se se fomenta a presenza da lingua en diferentes ámbitos da vida cotiá, auméntase a súa valoración e a súa percepción como unha lingua útil e relevante. Concretamente, se se promove a utilización do galego no deporte ou nas redes sociais, asociaríase con ámbitos modernos e relevantes na sociedade actual, o que pode aumentar o seu uso e a súa presenza en diferentes contextos.

En definitiva, crear unha conexión emocional e persoal entre a lingua e os seus falantes é un factor para moitos prescindible, pero para min, faría que o uso desa lingua fose imparable. Pois, se as persoas valoran e conectan coa súa lingua e ademais percíbena como útil e prestixiosa, que os podería deter?


LINGUA E XÉNERO II - LECTURA MOURE

  Nas últimas cinco décadas, feminismo e lingüística uníronse nun movemento para depurar a linguaxe e desenmascarar a súa aparente neutralid...