Dende que cumprín os 17 anos, lembro que non paraba de desexar cumprir os
18 para poder tomar as miñas propias decisións. Así, se me equivocaba, polo
menos sería pola miña culpa, por non analizar ben a situación.
Con todo, isto non é sempre así. En ocasións, as nosas decisións dependen
das dos outros e non de nós mesmos. Este é o caso que nos mostra o dilema da
persoa prisioneira, un problema fundamental da teoría de xogos que pretende
modelar a toma de decisións humanas. Este dilema coloca a dúas persoas ou
grupos nunha situación conflitiva na que deben decidir se colaborar ou ao
contrario, traizoar ao outro.
A solución óptima dende o punto de vista individual é confesar. Traizoar
suporía alcanzar o equilibrio de Nash, que consiste nunha situación de
equilibrio na cal a ningún dos individuos lle compensa cambiar de opción se o
outro non varía a súa postura. Non obstante, baixo este equilibrio non
necesariamente se obtén o maior beneficio para todos os individuos en conxunto;
simplemente que cada un responde de maneira óptima ante a estratexia dos
demais. En moitos casos, aos individuos gustaríalles poder alcanzar outro
equilibrio con maiores ganancias (neste caso, que ambos colaborasen), pero non
logran facelo debido a que se enfrontan ao risco de ser traizoados.
Isto nos leva a preguntarnos: é o ser humano bo ou malo por natureza? É
dicir, actúa desde o individualismo ou desde o colaboracionismo? Moitos
filósofos trataron de dar resposta a esta pregunta, que podemos considerar sen
solución ou canto menos, sen consenso.
Unha persoa que asuma a bondade das persoas, inclinarase cara a
colaboración. Aquel que considere que o ser humano é malo, non só traizoará ao
outro máis facilmente, se non que tamén desconfiará de ser traizoado polo outro.
Cómpre destacar que traizoar é a mellor estratexia racional e matemática,
independentemente da decisión do outro xogador. Mais eliminar a decisión do
outro xogador non che permite alcanzar o máximo beneficio (que sería 1 ano de
cárcere para ambos). Polo tanto, isto subliña que o froito do traballo conxunto
é sempre superior ao do individual, como podemos apreciar tamén no exemplo das
patacas. Así, a colaboración social é imprescindible para que se produza un
verdadeiro cambio.
Se trasladamos esta teoría ao campo lingüístico, podemos afirmar que
unicamente a través do compromiso e da colaboración de todos poderase cambiar o
estado das linguas en perigo de extinción, tomando colaborar como adoptar a
lingua minoritaria; aquela que se atopa en peor posición, pois é a que está a
perder falantes e ámbitos de uso.
Mais, como animais de costumes, estaremos dispostos a mudalos? Un hábito é
un comportamento que devén fácil e case automatizado, é dicir, natural, por
realizarse con frecuencia. Mudar un hábito supón un gasto extra de enerxía,
concentrarse nunha situación simple que agora é complexa.
As persoas empregamos as linguas día a día para comunicarnos cos demais,
creando así un hábito. Pola contra, como mencionamos antes, para colaborar
lingüisticamente é necesario cambiar de lingua en favor daquela en risco. Entón,
estamos dispostos a colaborar?
Cando temos que comunicarnos con alguén debemos escoller a lingua na que o
faremos creándose así un dilema como o inicial. Un falante debe escoller unha
lingua coa que comunicarse con outra persoa. Este ten a opción da lingua
maioritaria (máis segura ao ter maior número de falantes) e a opción con máis
risco (a lingua minoritaria). A decisión que asegura a maior probabilidade de
éxito na comunicación é a de achegarse na lingua maioritaria, o que os situaría
nun equilibrio de Nash.
Mais, como no dilema inicial, existe unha opción que implica uns mellores resultados
conxuntos (escoller a lingua minoritaria). Non só estariamos axudando a preservar
a lingua en perigo, se non que a comunicación sería de maior calidade. A mellor
forma de transmitir unha cultura é a través da súa propia lingua, a cal desenvolveuse
de acordo as necesidades dos seus falantes. Así, o humor, as expresións, e moitos
outros aspectos propios dunha comunidade que emprega unha fala concreta non
existen ou non se entenden da mesma forma se se pronuncian noutra lingua. Só
temos que pensar no noso caso: cantas veces un castelanfalante de Galicia emprega
termos ou expresións galegas porque non é capaz de expresar o que quere en
castelán?
En definitiva, aínda que a acción individual pode ser e parecer a opción
máis segura, cómpre recordar que a través das accións conxuntas se obteñen
mellores resultados.