A lingua é a pegada máis profunda que deixa unha cultura no tempo, é a
esencia da súa identidade e a expresión do seu pensamento. No caso de Galicia,
o galego é a lingua propia que foi obxecto de múltiples desafíos ao longo da
súa historia. Na actualidade, o proceso de substitución lingüística en favor do
castelán levou á perda progresiva de falantes e a unha situación de fraxilidade
para a supervivencia do galego. Ante esta realidade, xorde unha corrente coñecida
como “reintegracionismo”, que busca fomentar a introdución do galego no ámbito
lingüístico do portugués. Por unha banda, isto suporía o achegamento ás nosas
orixes e o afastamento do marco castelán e por outra, o feito de que a lingua
portuguesa sexa recoñecida internacionalmente e teña unha maior presenza nos
medios de comunicación e na cultura popular, pode ser unha oportunidade para o
galego de aumentar o seu prestixio e visibilidade.
Valentim Fagim, na súa obra O galego (im)possível, ofrece unha
visión alternativa á estratexia dominante para o galego, na que se identifica como
“imposible” aquel galego que defende unha lingua illada das sociedades
portuguesas e conectada necesariamente ao mundo en castelán, lingua que está a
substituír o galego. Segundo o autor, esta estratexia non só limita o
desenvolvemento e a proxección da lingua galega, senón que tamén a mantén nese
sometemento ao proceso de substitución lingüística. Desta maneira, para o
reintegracionismo, a estratexia promovida polo ILG-RAG non é o mellor modelo
para Galicia, pois limita a lingua e afástaa do seu pasado. Isto é, como
mencionamos na entrada anterior, a influencia do castelán sobre o galego faise
cada día máis notable, pois estamos a experimentar como a lingua perde de
maneira sistemática palabras e expresións que lle son propias e aínda máis, a
súa propia visión do mundo e da realidade.
Se retrocedemos no tempo, observamos que a separación das variedades
lingüísticas galega e portuguesa produciuse de forma artificial debido a
procesos históricos e políticos. Así, a busca de unidade destas dúas linguas
actuais baséase en que ambas as dúas orixináronse a partir dun tronco común: o
galego-portugués medieval, e comparten aínda na actualidade unha gran cantidade
de trazos lingüísticos e culturais. Neste senso, cabe destacar que non hai unha
clara delimitación entre o galego e o portugués, senón que existe unha
gradación ou continuidade entre as diferentes variedades de ambas as linguas,
pois pertencen ao mesmo “continuum lingüístico”. Así, “as linguas por elaboração,
como é a nossa, não são compartimentos estanque a respeito das linguas
circundantes. Existe una graduação similar á das cores ou á das temperaturas” (O
galego (im)possível). Isto apoia que ambas as dúas linguas sexan moito máis
parecidas do que se adoita pensar actualmente. Soamente necesitamos unha certa presenza
do portugués nas nosas vidas, para adaptar os nosos oídos, e o resto viría
dado.
Entón, vemos como o desenvolvemento das linguas pode ser fortemente
influenciado por factores políticos e históricos. Neste caso, supuxeron a separación
do galego e o portugués, e no pasado máis recente e na actualidade, están a significar
unha castelanización do galego. Neste senso, a proposta do reintegracionismo pretende
recuperar a súa historia e identidade, o que ao mesmo tempo suporía marcar unha
distancia formal entre o galego e o castelán (aquilo que se espera entre dúas
linguas diferentes) e, como mencionamos ao comezo, implicaría tamén abrir unha
porta ao mundo, xa que o portugués é unha lingua falada en distintos
continentes.
Agora ben, o achegamento ao portugués en termos de identidade e prestixio
lingüístico pode xerar ao mesmo tempo certos riscos e desafíos. O portugués é
unha lingua moi valorada e recoñecida internacionalmente, coma o castelán.
Isto, xunto coa proximidade do galego con esta lingua, fan moi sinxela a
posibilidade de que o galego pase a ser considerado outra vez como unha
variante ou dialecto, e por tanto, volvería á condición de inferioridade na que
se atopa na actualidade.
Esta idea levoume a preguntarme se o proceso de achegamento ao portugués pode
non ter que implicar necesariamente unha reforma ortográfica do galego.
Poderíase promover unha depuración de castelanismos no galego, fomentar a
presenza da lingua portuguesa no ámbito cultural e educativo de Galicia e, en
xeral, unha constante ollada cara o portugués en lugar do castelán (por exemplo
á hora de adquirir novo léxico). Isto ao mesmo tempo, podería axudar a diminuír
a resistencia da poboación que non sente a ortografía portuguesa como propia.
En definitiva, penso que o reintegracionismo pode ser unha estratexia
interesante para salvar o galego da situación na que se atopa, mais este cambio
non pode ser instantáneo, xa que aínda non é unha corrente maioritaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario