Todos os anos por estas datas aproximadamente noto un cambio notable no comportamento dunha persoa do meu entorno. Tiveron que pasar varios meses de abril para que me decatase do que lle acontecía, xa que de primeiras, non se me ocorrera. Nestas datas acércase o seu aniversario e para ela, este día non é como para os demais. Sente pánico por envellecer e isto ocorre a miúdo.
Mais, eu me pregunto, cando envellecer comezou a ser algo negativo? En efecto, a vellez experimentou cambios significativos na súa percepción social ao longo do tempo. No pasado, asociábase coa sabedoría, a experiencia e o respecto. Con todo, o inicio da época industrial e as melloras médicas conseguiron unha gran mellora no nivel de vida da poboación e supuxeron diversas transformacións do significado e función da idade na sociedade. A partir deste momento a sociedade comeza a valorarse en termos de produtividade e eficiencia, e as persoas máis preparadas para as tarefas non eran as máis maiores.
Na actualidade observamos numerosas controversias arredor da idade que, en moitos casos, levan a fobias inxustificadas e a recorrer á linguaxe de odio para falar de determinados sectores da sociedade. Xa o feito de falar de sectores da sociedade implica unha clara idea de división entre as persoas; de establecer unha liña que suxire non somos iguais.
Hoxe, non é raro escoitar frases como "xa estás vello para facer iso", "es moi maior para entendelo", aínda que non se digan con intención negativa. De feito, en moitas ocasións dinse entre adolescentes. Isto lévame a pensar que, como falamos na entrada de linguaxe de odio, o feito de empregar esas expresión implica que a vellez ten unha connotación negativa e que non se quere chegar a ela.
A vellez converteuse hoxe nunha carga para a sociedade, identificándose coa falta de produtividade, a dependencia, a enfermidade e a perda da beleza, a forza física, a vitalidade e a capacidade cognitiva, o que impediría a posibilidade das persoas de adaptarse as novas tecnoloxías, por exemplo. Estas percepcións negativas sobre a vellez non só son inxustas, senón que tamén son prexudiciais para toda a sociedade no seu conxunto.
Os prexuízos de edadismo limitan as oportunidades das persoas maiores na sociedade, o que dá lugar a desigualdades e exclusións baseadas en ideas que, en realidade, son falsas. Demostrado está que moitas avoas e avós, incluíndo á miña avoa, foron capaces de adaptarse aos novos tempos, tendo móbiles, usando Whatsapp, ou mesmo instagram como foi o caso da miña.
Neste senso, pareceume moi interesante decatarme nestas clases de que, ao igual que descubrimos que podemos performar o xénero, con este tema pasa o mesmo. Nin todas as persoas maiores padecen enfermidades, son incapaces de pensar loxicamente, ou deixaron de traballar para dedicar todo o seu tempo ao ocio, nin eu e moitas persoas “xoves” empregamos moitas palabras consideradas “xuvenís” ou saimos de festa e nos emborrachamos todas as noites. Deste xeito, podemos dicir que a idade é coma o xénero? Para responder esta pregunta empregarei unha frase sacada do capítulo 3 que me pareceu extremadamente interesante, real e mesmo bonita: é preciso “aceptar a anciá que hai en min e á moza que hai na miña avoa”.
Doutra banda, gustaríame tamén sinalar que esta exclusión das persoas maiores do máximo valor da sociedade non é a única. Co tempo, a mocidade converteuse nunha etapa da vida na que se espera explorar, experimentar e desenvolver a identidade persoal. Actualmente, a isto engadimos que a sociedade valora a mocidade pola súa capacidade de innovación, creatividade e adaptación ás novas tecnoloxías. Espérase que os mozos sexan capaces de cambiar o mundo e contribuír ao progreso social e económico, mais ao mesmo tempo, é habitual non tomalos en serio. Asúmese que os mozos son irresponsables, egoístas, superficiais e obsesionados coa tecnoloxía e a miúdo pénsase que os mozos non lograron nada significativo nas súas vidas e que aínda non teñen a experiencia necesaria para facelo.
Deste xeito, hai unha forte tendencia a considerar ás persoas de mediana idade como o grupo máis valioso e envexable e o que se saia de aí, é insignificante e por extensión, negativo. Así, desde o meu punto de vista, se loitamos para eliminar a discriminación de xénero, a discriminación racial, a discriminación por ter algunha discapacidade..., tamén debemos combater a discriminación por idade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario